Oleiros, 26 de novembro de 2019-. A Xunta de Galicia comunicoulle ao Concello de Oleiros que Telefónica, a través dunha subvención do Ministerio de Industria, vai instalar a rede de banda ancha nas zonas de Subiña, O Bosque, Canabal, O Rabuñeiro, Fornos e Cobo. Este despregamento está previsto para o ano 2021.
Nas próximas semanas vai iniciarse tamén o despregamento de rede previsto por parte da compañía R en Lorbé, Aguieira, Augarrío, Breixo, O Couto, Lourido Pequeno, Sisaldo, Abeleiras de Abaixo, Campo da Vila, Fontes, A Xesta, Maianca, Agra da Pedra, A Gándara, Punxeiro e Xoez. Pola súa parte Teléfonica vai cubrir en 2020 as zonas de Aba, Dexo, Babilonia, A Lagoa, O Valiño e A Veiga.
O Goberno municipal está a demandar continuamente a conexión ultrarrápida a internet para as zonas urbanas do municipio, á Xunta, ao Goberno central e ás compañías. A día de hoxe, trátase dun servizo público básico e necesario para a vida cotiá de calquera familia. Son moitas as persoas que por cuestións laborais ou de emprendemento empresarial precisan destes servizos. Igualmente, internet faise imprescindible para dirixirse ás administracións públicas ou para realizar xestións comerciais de carácter persoal.