Oleiros, 18 de setembro de 2014-. A escritora e investigadora arxentina Nora Strejilevich presentará hoxe a partir das 20.00 horas na Biblioteca Central Rialeda o seu libro "Una sola muerte numerosa". Neste encontro, Strejilevich, memoria viva da ditadura arxentina (1976-1983), conversará sobre esta obra testemuñal e sobre o movemento cultural e de dereitos humanos que se desenvolveu na Arxentina nos últimos tempos.
Nora Strejilevich é unha narradora arxentina cuxa escritura elabora o legado do Terrorismo de Estado a partir da súa propia experiencia como sobrevivente e exiliada. Tras a súa liberación do campo de concentración “Club Atlético” (1977) foi asilada política en Canadá, onde se doutorou en literatura latinoamericana na Universidade da Columbia Británica. Exerceu a docencia en varias universidades de Norteamérica entre 1991 e 2006, e dedicouse sobre todo á ensinanza de dereitos humanos e literatura. Nestes momentos Strejilevich dedícase á escrita e á investigación. O seu proxecto actual é o estudo da resistencia das mulleres a réximes totalitarios a través da arte.
A obra "Una sola muerte numerosa" (1997, 2006) deulle o recoñecemento internacional. Esta novela foi distinguida co Premio Nacional Letras de Oro (USA 1996). En Italia, a historia inspirou a película Nora (2005). O libro estúdase en cursos de universidades de Arxentina, México, Brasil, Alemaña, Austria e Francia.