Hemeroteca

Asset Publisher

Back Queda aprobado definitivamente o orzamento municipal para 2016

Oleiros, 18 de xaneiro de 2016-. O orzamento municipal para 2016, que ascende a 26.038.018 euros, entra definitivamente en vigor ao concluír o prazo de alegacións sen ningunha reclamación ao documento aprobado no pleno municipal o pasado mes de decembro. Deste xeito, os proxectos que estaban agardando por este trámite administrativo poderán comezar a poñerse en marcha.

O orzamento xeral para 2016 conta cun incremento global do 1,64% sobre o de 2015. O documento prevé un aumento do 25% nos investimentos destinados á contratación de novas obras e servizos, o que supón preto dun millón de euros de aumento e que deixa este capítulo nos 4,6 millóns de euros. Estes orzamentos tamén estiman unha recuperación dos ingresos correntes en 420.648,00 euros, que unido á racionalización dos gastos e ao esforzo pola súa contención, increméntase o aforro neto, pola redución das cargas financeiras, de 2.506.637,00 euros que se destinan ao capítulo de investimentos. 

Ademais dos fondos cos que contan as distintas partidas orzamentarias, o Goberno municipal ten previsión de poder incrementar entre 4 e 6 millóns de euros os investimentos en obras públicas grazas ao posible superávit co que poderían pecharse as contas do exercicio de 2015. Sería unha cantidade similar á de 2014, derivada novamente da eficiencia e o rigor na xestión das arcas públicas do Concello de Oleiros.

Con anterioridade á elaboración dos orzamentos, o Goberno municipal dirixiuse por carta aos colectivos de maior entidade do municipio para solicitar as súas propostas de cara a confeccionar o documento. A maioría das suxestións recibidas aparecen recollidas no orzamento elaborado polo executivo local, o que pon de manifesto o carácter participativo deste documento.

 

back link