Hemeroteca

Asset Publisher

Back Publícase unha nova edición do xornal municipal "Vivir en Oleiros"

Oleiros, 4 de setembro de 2012-. O xornal municipal "Vivir en Oleiros" saca do prelo o seu número 39 pertencente ao mes de setembro, o cal xa está a chegar ás casas dos veciños e veciñas de Oleiros. Nas súas páxinas recóllense todos os temas de interese municipal.

O tema de portada é as obras de ampliación da N- VI, As obras do "Escorial", como se titula, xa que levan un retraso de 10 meses. Esta vía é un dos principais accesos á cidade da Coruña e trátase dunha infraestrutura de vital importancia para toda a comarca. O Ministerio de Fomento está a demostrar, deste xeito, unha falta total de interese nesta obra.

Outro dos temas que abre a edición é a mellora da seguridade viaria en todos os núcleos do municipio que levará adiante o goberno municipal, contratando un proxecto de mellora integral. Crearanse novos pasos de peóns, repintaranse os existentes, mellorarase a sinalización vertical e repintarase a horizontal coa indicación de novas directrices que regularán o tráfico na maior parte dos núcleos de poboación do Concello.

A labor social e cultural tamén se recolle na primeira páxina, onde se fala de que o Concello traballa nunha nova edición de Ocioleiros, así como a participación de 500 escolares no Programa de natación, o comezo dunha nova edición da Hora do Conto nas bibliotecas municipais e a oferta cultural para o outono, sendo o teatro e a música as actividades que centran a programación.

En páxinas interiores, a editorial trata sobre os monopolios e o abuso da posición dominante de gobernantes e ex-gobernantes, onde empresas como Fenosa, Telefónica, Repsol... ascenderon a posicións punteiras coa colaboración obrigada do pobo e onde os seus consellos de Administración se nutren cunha lexión de políticos sen escrúpulos que atopan nestes monopolios un retiro dourado en pago ao seu trato de favor no pasado.

Xa en clave local, destacar a contratación por parte do Concello de obras e servizos por un importe de máis de 4 millóns de euros no que vai de ano, así como a realización das obras de illamento individual nas naves do viveiro de empresas de Iñás, a adxudicación da redacción do proxecto do futuro colexio de Nos e os tres cursos de formación concedidos pola Xunta de Galicia a Oleiros.

Outros aspectos nos que centra a atención a publicación trimestral, son os máis de 22 trámites que permite levar a cabo a nova sede electrónica do Concello sen necesidade de desprazarse ao consistorio, así como a posibilidade de que a mocidade poida tramitar o seu Carné Xove desde o novo Punto Municipal de Información Xuvenil instalado en Santa Cruz e o investimento de 48.000 euros o pasado curso por parte do Concello de Oleiros en programas deportivos nos que participaron máis de 3.000 escolares.

Pecha o xornal o apartado Tribuna Aberta, espazo de participación cidadá onde calquera veciña ou veciño pode opinar sobre o tema que desexe, en textos de non máis de 1.000 caracteres, que serán reproducidos integramente. Nesta ocasión os temas tratados son a actual "ditadura mundial gobernada polo capital" na que vivimos; o agradecemento pola fantástica idea de celebrar a Festa da Xuventude no skate park de Bastiagueiro, o pasado mes de xullo, dun dos mozos participantes; a merecida homenaxe recibida polo ex-párroco de Maianca e Serantes, Don Manuel Rial, no paseo marítimo de Mera que agora leva o seu nome e o recoñecemento dunha veciña dos Regos da aposta que polo teatro se está a levar adiante dende o departamento de Cultura do Concello de Oleiros.

 

back link