Hemeroteca

Asset Publisher

Back Próxima apertura do prazo para solicitar un dos 19 novos pisos de protección en Oleiros

O Concello de Oleiros continúa coa súa política de creación de vivenda protexida mediante cooperativas. Ás 148 vivendas que xa se atopan actualmente en construción nas localidades de Perillo, Xaz e Mera; vanse sumar proximamente outros 19 pisos protexidos no centro de Oleiros, na praza da Rabadeira. 


Estas novas vivendas contarán con 2 e 3 habitacións e sairán á venda aos prezos oficiais que marca a Xunta de Galicia. O Concello abrirá proximamente o prazo de inscrición a través da súa páxina web oficial. Terán preferencia no acceso as persoas empadroadas en Oleiros e, no caso de quedar vacantes, poderán optar persoas doutros concellos.

O solo no que se construirán estas 19 novas vivendas tamén foi acadado gratuitamente pola xestión urbanística que realiza o Goberno municipal, que garante un crecemento ordenado e sostible do territorio. Desta maneira, ademais de promover a construción de vivendas a prezos inferiores aos de mercado para familias de Oleiros, o Concello obtén recursos económicos para mellorar os servizos públicos e executar novas obras.

As enormes dificultades para o acceso á vivenda non son exclusivas de Oleiros, trátase dun problema de Estado (o máis importante neste momento). Agás en municipios rurais nos que existen carencias de servizos, comprar ou alugar unha vivenda en cidades ou áreas urbanas de calquera punto de España é prohibitivo para as familias con ingresos medios.

Os concellos non teñen ningún tipo de competencia en vivenda, que son de Xunta e Estado. Iso non impediu que coa política urbanística do Goberno municipal se promovese desde o ano 1.992 a construción de 1.171 pisos protexidos; aos que haberá que engadirlle os 19 que se crearán na praza da Rabadeira.

back link