Oleiros, 2 de marzo de 2021-. En relación coas obras de construción dun túnel no cruce coñecido como Sol y Mar en Perillo, en próximas datas efectuaranse visitas aos edificios máis próximos por parte de persoal técnico dependente da empresa que executará as obras do referido enlace co fin de avaliar o estado actual das vivendas e locais comerciais con carácter previo ao inicio das obras.
A inspección a realizar, comunmente denominada Protocolo de fendas, ten por obxecto realizar unha revisión, que se rexistrará notarialmente, do estado que presentan as vivendas antes de que se proceda a executar as obras, para, deste modo, poder discernir se durante o desenvolvemento das mesmas se produce calquera tipo de dano nas edificacións situadas na súas proximidades e, nese caso, poder atribuír ditos danos ás obras. Así facilítase, desde o punto de vista legal, a reclamación de calquera dano que poda vir motivado pola execución das obras.
“Nestes días está a comunicarse a todos os veciños e veciñas que viven nas proximidades do cruce de Sol y Mar que van acceder ás súas vivendas técnicos para levantar acta de como están os edificios. Sacarán fotografías tanto nos pisos como nas zonas comúns por se houbera algún problema de deterioro coas obras do túnel, para que se paguen danos en caso de que se produzan. Creo que é importante que cando os chamen colaboren, polo seu propio interese”, dixo o alcalde Ángel García Seoane.