Oleiros, 29 de abril de 2021-. O escritor Pepe Carballude presenta o vindeiro martes día 4 de maio, ás 20:00 horas no teatro das Torres de Santa Cruz, a súa obra A pintora libertaria (editorial Galaxia). Ademais do autor, o acto contará coa participación do director da editorial Galaxia Francisco Castro e da profesora de Lingua e Literatura Galega e crítica literaria Inma Otero.
A pintora libertaria é unha obra publicada pola editorial Galaxia, na colección Costa Oeste. Fai un percorrido que discorre en paralelo entre o mundo da política municipal, a construción, a falsificación de obras de arte e a educación mentres se fai un repaso dos grandes nomes da nosa pintura arredor da figura da máis libre e grande artista galega, Maruja Mallo. Unha lectura dinámica onde os personaxes cobran vida en Vila do Pazo, que podería ser calquera vila galega, e na que se recorda a vida cultural de Galicia, histórica e da emigración, e do seu fondo máis escuro e controvertido.
Ante a situación sanitaria, e seguindo as directrices das autoridades, a capacidade da sala estará limitada. Será obrigatorio manter a distancia de seguridade e asistir con máscara, así como atender ás indicacións e normas da organización.