Oleiros, 1 de abril de 2022-. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu unha resolución que lle impide ao Concello pintar un mural de 120 m² para embelecer o muro do cemiterio da igrexa parroquial de San Martiño de Dorneda. A Xunta de Galicia insta os propietarios do cemiterio e dos nichos a que realicen os traballos de coidados necesarios dos muros exteriores.
O recoñecido artista galego Joseba Muruzabal ía pintar un mural para suavizar o contacto da parede coa estrada e achegar maior calidez á paisaxe nunha zona transitada por peóns. A temática do mural era un reflexo do costume funerario, relacionada co día de Todos os Santos, cando se adoita asistir aos cemiterios e levar flores ás tumbas dos seres queridos falecidos.
A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural prefire as vistas que reflicten a deterioración do muro á intervención proposta e financiada polo Concello. En cambio, en Dumbría ou no Mosteiro de Samos si é posible visualizar manifestacións artísticas coa tradición pictórica de edificacións relixiosas.
Esta resolución non impedirá que o Concello de Oleiros continúe con outros proxectos para mellorar a contorna urbana como os da creación de murais artísticos no solo da praza da Rabadeira e nunha fachada medianeira da rúa Miraflores.