Oleiros, 1 de xullo de 2011-. A Banda da Escola Municipal de Música do Concello de Oleiros celebra esta tarde o décimo aniversario da súa creación, cun concerto no auditorio Gabriel García Márquez de Mera. Para esta ocasión especial, Alberto Piñeiro Leiva, actual director da formación oleirense, cede a batuta ao mestre José Rafael Pascual-Vilaplana que actuará como director invitado. Pascual-Vilaplana chegou antonte a Oleiros procedente de Valencia e mantivo o seu primeiro encontro cos músicos da banda cos que realizou un primeiro ensaio. Onte, o músico mantivo un encontro co alcalde de Oleiros e ofreceu unha conferencia no auditorio de Mera baixo o título As Bandas de Música: da tradición ao contemporáneo.
O mestre Pascual-Vilaplana ten un amplo currículo e na actualidade, é director da Orquestra Sinfónica de Albacete, principal director invitado da Orquesta Camera Musicae de Tarragona e, desde o ano 2007, director artístico e profesor dos cursos de perfeccionamento musical do Instituto Musicale Guido Alberto Fano de Spilimnbergo (Italia). Tamén é membro fundador da Asociación de compositores de música de moros y cristianos e da Word Associatior fuere Synphonic Bansds and Esembles (WASBE).
Pascual-Vilaplana dirixiu numerosas bandas en todo o mundo. Foi director invitado da Banda Municipal de Bos Aires (Arxentina), da Banda Municipal de Matanzas ou da Banda Nacional de Cuba. Tamén dirixiu a Banda profesional do conservatorio de Tilburg e de Maastrich en Holanda, a Banda Real de Opdor (Bélxica), a Banda da Marina Real Holandesa de Rotterdam así como tamén as máis importantes bandas españolas como as de Alacante, Barcelona, Castellón, Madrid, Palma de Mallorca, Sta Cruz de Tenerife ou as galegas de Pontevedra e Santiago. Tamén dirixiu a Orquestra Sinfónica de Bucarest (Rumanía) a Orquestra de Cámara Manuel de Falla de Cádiz e as sinfónicas de Albacete, Castellón e Murcia.