Oleiros, 15 de novembro de 2021-. O cantautor Paris Joel presenta o xoves ás 20:00 horas no teatro das Torres de Santa Cruz o poemario La aldaba del verano. No acto intervirá o autor, o editor Joan Gonper e finalizará coa música de César de Centi.
La Aldaba del Verano é un poemario, publicado pola editorial Celya, que expresa sensacións e sentimentos universais como o amor, a morte, a vellez, o destino…, nun marco temporal definido: o fin da primavera e o comezo do verán. Nel existen referencias á natureza, á climatoloxía como un marco concreto para transmitir desasosego, placidez ou, nalgúns casos, unha invitación á reflexión. Son 49 poemas de rima libre, escritos en primeira persoa, que relatan sentimentos e vivencias reais do autor.
Paris Joel é poeta e cantautor. Desde hai máis de 25 anos traballa como locutor e técnico de son da emisora municipal “Radio Oleiros”. Licenciado en Historia pola UNED, técnico especialista en operacións de imaxe e son pola Escola de Imaxe e Son da Coruña. Escribiu os poemarios Dictados para un Salvamento Emocional e La Aldaba del Verano, ademais do epílogo do libro Los Cuerpos Lejanos do poeta e pai de Ismael Serrano, Rodolfo Serrano.