Hemeroteca

Asset Publisher

Back Póñense en marcha as actividades municipais extraescolares 2012- 2013

Oleiros, 5 de setembro de 2012-. O Concello de Oleiros xa ten disposta a programación para as actividades municipais extraescolares para o curso 2012- 2013 dirixidas ao alumnado do C. E. I. P. Isidro Parga Pondal, as cales se levarán a cabo no polideportivo Arsenio Iglesias de Santa Cruz do 1 de outubro ao 30 de maio.

Un ano máis, o Concello de Oleiros pon a disposición das nenas e nenos do concello un amplo abano de actividades extraescolares para o curso que entra dirixidas aos centros de ensino públicos de infantil e primaria.

Estas actividades encádranse dentro dunhas directrices xenéricas, como son destacar na práctica diaria o factor lúdico. A diversión debe ser prioritaria para crear afección e gusto pola actividade. Trátase deste xeito de educar ao alumnado na adquisición de hábitos saudábeis e a relación destes coas actividades, aproveitando así os valores a transmitir, para a adquisición de coñecementos que permitan o desenvolvemento das capacidades físicas, a disposición ao esforzo persoal e ás capacidades sociais, o traballo en equipo, a solidariedade, a amizade, a tolerancia e o xogo limpo.

Os bloques que compoñen as actividades son o deportivo e o cultural. No deportivo establécense tres apartados: xogos e a psicomotricidade infantil, onde os seus contidos se basean na utilización do xogo para o desenvolvemento das condutas motrices dos nenos e das nenas a través do movemento; deportes 1, educación primaria, neste apartado trabállase, sempre de xeito lúdico e a través do xogo, sobre contidos relacionados con aprendizaxes xerais de varios deportes, tanto sociomotrices ou colectivos; e deportes 2, educación primaria, aquí cobran protagonismo os xogos deportivos onde se levan á práctica ampliacións metodolóxicas baseadas nos deportes sociomotrices como o minibásket, minibalonmán, minivóleibol, hóckey e fútbol.

O bloque cultural  componse de catro apartados: aventura, onde se propón a realización de actividades arredor da aventura, entendida esta nun sentido amplo, como poden ser aquelas actividades que desenvolvidas no medio natural, comprenden unha importante actividade física; xogos, porque o xogo é unha necesidade vital do ser humano, unha actividade indispensable para o desenvolvemento dos nenos e das nenas; divernatura- natura, aquí cada neno e nena terá a oportunidade de aprender xogando dun xeito divertido e ameno distintas cuestións relacionadas co mundo natural; e diverarte- arte, que pretende achegar o riquísimo mundo das artes aos rapaces e ás rapazas como o teatro, a música, a danza, a pintura…

O prazo para a inscrición ábrese o próximo 12 de setembro e pecharase o 25 do mesmo mes. O lugar para entregar os impresos será na conserxería do centro de ensino Isidro Parga Pondal. O sistema de pagamento realizarase por domiciliación bancaria, sendo o prezo orientativo de 15 a 25 euros dependendo das franxas horarias escollidas, xa que se pode elixir entre dous días á semana, dúas horas, ou todos os días, unha ou dúas horas de actividade.
 

back link