Oleiros, 11 de novembro de 2016.- As máis de 150 persoas que participaron na asemblea informativa celebrada hoxe na Fábrica decidiron iniciar o antes posible as mobilizacións para esixir o inicio inmediato das obras do cruce de Beiramar-Agramar e a construción de dous pasos elevados na zona do Seixo. Os veciños acordaron cortar o tráfico da N-VI un sábado ao mes durante tres minutos.
O encontro serviu tamén para que o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, informara das conversas mantidas recentemente co Ministerio de Fomento e dos proxectos previstos para mellorar as deficitarias infraestruturas viarias. Os veciños, durante as súas intervencións, amosaron o seu profundo malestar polos problemas derivados do actual estado da N-VI e fixeron diversas preguntas relativas aos proxectos presentados polo alcalde.
Trala decisión adoptada na asemblea, o Concello de Oleiros iniciará agora os trámites para comunicarlle á Subdelegación do Goberno as datas das mobilizacións que tamén serán anunciadas a través dos diversos medios informativos municipais.