Oleiros, 26 de novembro de 2016-. Máis de 500 veciños e veciñas cortaron este mediodía o tráfico da N-VI, á altura de Agramar, para esixirlle ao Goberno central a inclusión das obras da intersección de Beiramar-Agramar e dos pasos elevados do Seixo nos orzamentos do Estado de 2017. O acalde de Oleiros, Ángel García Seoane, agradeceu a todos os presentes a súa participación na manifestación ao tempo que anunciou novas accións no caso de que o Ministerio de Fomento non leve a cabo as obras que demandan e necesita a N-VI.
Ademais dos veciños da zona, a protesta contou coa participación de moitas outras persoas procedentes de distintos lugares do Concello de Oleiros e dos demais concellos da comarca que tamén se ven afectados todos os días polas deficitarias infraestruturas viarias existentes para acceder á cidade da Coruña. Mesmo os propios condutores afectados pola interrupción da circulación tamén expresaron a súa conformidade con esta concentración a través de numerosos acenos desde os seus vehículos.