Hemeroteca

Asset Publisher

Back Os próximos meses haberá múltiples excursións e viaxes culturais

Oleiros, 02 de marzo de 2016-. O Departamento de Cultura do Concello de Oleiros retoma as súas saídas e excursións culturais a partir do vindeiro mes de marzo, no que terá lugar a XI edición da Viaxe Cultural, que este ano terá como destino o País Vasco, con estancia en Bilbao, visita ao Museo Guggenheim e excursións a Donosti e á Costa de Guipúzkoa: ruta xeolóxica do Flysch.

O mes de abril dará a benvida ao programa Oleiros vai de Museo, cunha visita guiada á Casa Museo de Manuel María en Outeiro de Rei o 23 de abril, conmemorando simultaneamente o Día do Libro e o Día das Letras Galegas. Completándose así a programación das Letras Galegas con outras actividades organizadas tamén polo Sistema de Bibliotecas Municipais ou o Servizo de Normalización Lingüística, como visitas á casa do escritor para escolares que se levan desenvolvendo desde o mes de xaneiro.

Esta visita á casa do escritor homenaxeado o Día das Letras Galegas neste ano 2016 acompañarase cunha ruta guiada pola Lagoa de Cospeito, espazo natural e cultural de gran importancia e referencia na vida e obra deste autor. O prazo de inscrición para esta excursión comeza o 14 de marzo e estará aberto ata o 31 de marzo

Así mesmo, e dentro deste programa, visitaremos no mes de maio a exposición “Los objetos hablan. Colecciones del Museo del Prado”, no Kiosko Alfonso da Coruña, e o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro, en Pontevedra, no mes de xuño.

Despois do verán, posiblemente no mes de outubro, o Departamento de Cultura ten previsto visitar o Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA) e a Casa Museo de Eduardo Pondal, no Concello de Ponteceso, coñecendo tamén a praia de Balarés e a costa ata Corme.

Por outra banda, retomarase tamén no mes de maio o programa A Cultura da Natureza, coa realización das dúas primeiras etapas do Camiño de Santiago neste ano e cunha segunda edición do Obradoiro de Micoloxía, no mes de novembro, en reposta ao éxito e á aceptación obtidos no ano 2015.

Esta programación cultural está ademais aberta a outras propostas das que daremos conta coa debida antelación.
 

back link