Hemeroteca

Asset Publisher

Back Os maiores de Oleiros visitarán paraísos próximos co programa de excursionismo e sendeirismo Ve

Oleiros, 28 de marzo de 2014.- Este próximo xoves, 3 de abril, ás 18:30 horas nas Torres de Santa Cruz, a concellería de Servizos Sociais do Concello de Oleiros vai presentar unha nova edición do programa de excursionismo e sendeirismo para maiores Ven e Descubre 2014. Este ano, baixo o título “Paraísos cercanos”, descubrirán pequenas xoias da nosa xeografía, verdadeiras marabillas da natureza e da orografía galega. Sete rutas diferentes por lugares con encanto, especiais, de grande beleza e moi importantes polo seu  valor histórico, cultural e natural.

Este programa conta cunha gran aceptación entre as persoas maiores de 60 anos de Oleiros, xa que ofrece a posibilidade de coñecer a fondo novos lugares, enriquecerse con novos coñecementos e establecer relacións con novos e vellos compañeiros.  As viaxes convértense nun lugar de intercambio de coñecementos, desexos, ideas e  valores, así como un punto de partida de novas relacións e amizades.

Nesta presentación coñeceranse as rutas previstas, imaxes das viaxes do ano pasado e algunha actividade relacionada co programa deste ano na que participen os propios protagonistas.

As rutas vanse realizar en dous formatos diferentes. Por un lado, excursións en autobús, con pequenos itinerarios guiados, e rutas de sendeirismo guiado onde se introduce o grupo dunha maneira máis directa e activa co contorno, sen esquecer a importancia que ten o compoñente físico da actividade.

O Concello de Oleiros oferta dentro deste programa un total de 2280 prazas dirixidas ás persoas maiores de 60 anos empadroadas en Oleiros. En total serán 18 rutas de excursionismo e 12 de sendeirismo, que permitirán que todas as veciñas e veciños de Oleiros maiores de 60 anos coñezan estes paraísos próximos.

Ás persoas que lles interese coñecer máis a fondo o programa poderán recoller  o folleto informativo o día da presentación e a partir do día seguinte en calquera das numerosas instalacións municipais. Tamén poden consultar a información a través da páxina web www.oleiros.org no apartado da Concellería de Servizos Sociais.





RUTAS DE EXCURSIONISMO

DO MIÑO A PORTUGAL
TUI, MONÇAO, MONTE ALOIA

Visita histórica polo casco vello de Tui, descubrindo a catedral románica do século XII. Gozaremos da paisaxe do río Miño, fronteira natural con Portugal, onde nos trasladaremos para coñecer as súas vilas fronteirizas.
 
A HISTORIA DO MAR
RÍAS DE NOIA-MUROS

Encravadas no paraíso natural da ría  que leva o  seu nome, Muros (vila mariñeira) e Noia (vila medieval), unidas pola historia e o mar, agochan  interesantes tesouros por descubrir.

A COSTA SALVAXE
DESDE VIMIANZO A CAMARIÑAS

O cabo Vilán, desde hai 80 anos, é testemuña da dureza dunha costa escarpada e de grande beleza  que aínda se conserva salvaxe. 
No Castelo de Vimianzo vivíronse desde a súa construción (a finais do século XII), numerosos feitos que escribiron máis dunha páxina da historia de Galicia. Xuntos nos mostrarán as orixes dunha comarca mariñeira e a vila de Camariñas que dá nome á artesanía do encaixe.



RUTAS DE  SENDEIRISMO

DESCUBRIR A COMARCA DAS MARIÑAS
DESDE OLEIROS A CECEBRE 

Queremos descubrir os nosos veciños. Nesta ruta a través de camiños novos  trasladarémonos desde Oleiros a Cecebre.

AS INSUAS DO MIÑO
POR TERRAS DE RÁBADE

A Reserva de Biosfera Terras do Miño alberga unha das mellores representacións de ecosistemas naturais atlánticos, con grandes carballeiras e  bosques de ribeira, e camiños que conservan aínda reflexos da vida labrega.
AS CATEDRAIS DA MARIÑA LUCENSE
DESDE RINLO A FOZ.

Descubriremos nesta ruta dúas catedrais, unha creada pola natureza e outra polo home. Polo sendeiro costeiro desde Rinlo a Foz que discorre pola beira do Cantábrico achegarémonos a escondida  basílica de San Martiño,  unha das  construcións altomedievais máis interesantes de Galicia,  tanto que pola súa longa historia tende a ser identificada como a catedral máis antiga de España.

RUTA ATLÁNTICA ENTRE PÍAS E CACHOLAS
RUTA POLO MONTE LOURO, LIRA E CARNOTA

O monte Louro emerxe do mar e  a súa silueta granítica avisa aos mariñeiros da presenza dos Leixóns e coa súa boina de nubes avisa da chegada da chuvia. Na nosa ruta rodearemos está mole granítica de 241 metros de altura ata  a lagoa de Xalfas e camiñaremos pola costa atlántica entre pías e cacholas no mar de Lira e Carnota.
 

back link