Hemeroteca

Asset Publisher

Back Os maiores de Oleiros rematan as súas viaxes por "Galicia en Letras"

Oleiros, 10 de setembro de 2012-. Despois de seis meses de actividade o programa de excursionismo e sendeirismo para maiores do Concello de Oleiros, “Vén e descubre,” remata na casa do escritor Xosé Neira Vilas.

Estas actividades desenvólvense dentro dun plan de envellecemento activo que dende hai mais de 20 anos ven desenvolvéndose no Concello de Oleiros e que se complementa con outras moitas actividades relacionadas co exercicio físico, o lecer, o benestar e actividade intelectual.

O fío condutor do programa Vén e descubre no ano 2012, foi a literatura en lingua galega e o escritor Xosé Neira Vilas, que fai uns meses presentou esta actividade na Fábrica, en Perillo, fixo de anfitrión na súa casa, no lugar de Gres, en Viladecruces, Pontevedra, á visita que fixeron os maiores de Oleiros ao museo que ten a fundación que leva o seu nome e na que remataba a ruta de sendeirismo denominada Memorias dun neno labrego.

Este roteiro transcurríu polo cerne de Galicia, entre os ríos Ulla, Toxa e Deza. Seguindo a obra do escritor Xosé Neira Vilas, os participantes exploran as paisaxes de Balbino, o seu protagonista, e profundizan no coñecemento dunha comarca que é atravesada por importantes ríos e espazos naturais, así como unha interesante historia e patrimonio. A fervenza de Toxa, a ponte de Ledesma, as insuas de Gres, o mosteiro de Carboeiro, as historias do wolfram “o ouro negro”... foron algúns dos fermosos lugares que coñeceron as persoas que participaron nesta ruta e que remataron cun coloquio co escritor na súa fundación, no que xuntos falan da súa obra, da Galicia de Balbino e da Galicia de agora, da historia, das lendas, da vida e da necesidade de coñecer e defender  a nosa cultura.
 
A próxima semana remata a edición deste ano que contou con 1906 participantes e na que se realizaron sete itinerarios diferentes, tres de excursionismo e catro de sendeirismo, encamiñados a coñecer os lugares onde naceron, viviron e se inspiraron escritores das nosas letras. A través dos  textos dos autores seleccionados  e as súas vivenzas transportáronse  a  unha viaxe diferente, a unha experiencia única.

O próximo xoves, día 13, será o grupo formado por veciños de Perillo, Serantes, Maianca e Dexo, os que colocarán a guinda final e rematarán esta edición.
 

back link