Oleiros, 11 de novembro de 2015-. Os veciños e veciñas de Oleiros con terreos expropiados para a construción da vía Ártabra e que aínda non percibiron as súas correspondentes indemnizacións, poden chamar ao Concello de Oleiros ou achegarse ata a Casa do Concello para informarse de se están entre as persoas propietarias que cobrarán a principios de decembro. Os e as interesadas poden facer a consulta chamando ao 981 610 000 en horario de 8:00 a 20:00 h.
A Xunta de Galicia apresurouse a anunciar o pagamento das indemnizacións a unha parte das expropiadas e dos expropiados logo de que a pasada semana o alcalde, Ángel García Seoane, denunciase que aínda quedaban moitas persoas sen cobrar en Oleiros. Non é novo este modus operandi da Xunta de Galicia que meses atrás tamén pagou aos veciños e veciñas afectados pola Vía Ártabra despois das demandas do Goberno municipal.