Oleiros, 20 de outubro de 2016-. O alcaldes dos concellos de Oleiros, A Coruña, Culleredo, Cambre, Sada, Betanzos e Bergondo asinaron esta mañá a Declaración de María Pita, unha manifestación institucional que amosa o compromiso das distintas corporacións por impulsar a creación dunha Área Metropolitana da Coruña a través da aprobación no Parlamento de Galicia dunha normativa específica que a regule. As corporacións firmantes levarán o texto ao pleno do mes de novembro para a súa aprobación.
A denominada Declaración de María Pita destaca que a comarca ten unha serie de necesidades comúns, como son o fortalecemento da conectividade da Coruña coa contorna, a posta en marcha dun sistema de ordenación e xestión urbanística coordinada, o desenvolvemento de plans estratéxicos de potenciación tanto do Porto Exterior como do aeroporto, a creación de instrumentos específicos e flexibles para a xestión conxunta de servizos intermunicipais, e a posta en marcha dun modelo de mobilidade metropolitana baseado nos medios de transporte públicos como forma de superar a conxestión actual do transporte da comarca.
O texto será remitido tamén aos alcaldes de Abegondo, Arteixo, e Carral para que se poidan adherir ao mesmo. Estes tres rexedores estiveron presentes na reunión que tivo lugar o luns en María Pita e amosaron o seu apoio á iniciativa, pero hoxe non se presentaron.
Na rolda de prensa conxunta que ofreceron todos os alcaldes, Ángel García Seoane lembrou que "non hai solución aos grandes problemas se non hai grandes solucións, abarcadas polo conxunto de que as ten que buscar. Hai servizos imprescindibles para os cidadáns e hai que buscar que funcionen da mellor forma posible e o máis barato posible. Para abaratar servizos hai que estar o que se debe, e hoxe, onde se debe é aquí. A cidadanía está esperando solucións e ten que haber consenso", dixo.
VÍDEO DA INTERVENCIÓN DE ÁNGEL GARCÍA SEOANE NA ROLDA DE PRENSA