Hemeroteca

Asset Publisher

Back Os alcaldes de Cambre, Oleiros, Sada e a Bergondo reúnense con Emalcsa para abordar o problema

Oleiros, 25 de xuño de 2021-. Os alcaldes de Cambre, Óscar García Patiño, Oleiros, Ángel García Seoane, Sada, Benito Portela Fernández, e a rexedora de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, mantiveron, esta mañá, unha reunión co director xeral de  Emalcsa, Jaime Castiñeira. O obxectivo deste encontro foi abordar a orixe dunha problemática que está a afectar aos catro municipios: os episodios de turbidez na auga producidos nas últimas semanas. 

 
Os rexedores manifestaron a súa “preocupación” por estas incidencias na subministración e destacaron que estes problemas “son comúns  nestes meses”. Así mesmo, todos coincidiron na “necesidade de buscar a mellor dás solucións e garantir un correcto servizo para os veciños e  veciñas”.  A este respecto, Emalcsa informou de que está a traballar na elaboración dun estudo xunto coa Universidade da Coruña para dilucidar as causas destas incidencias e poder así emendalas. 
 
A maiores, abordouse a construción do futuro depósito de auga de San Pedro, un proxecto que os rexedores cualificaron de “imprescindible e  urxente”. Esta instalación permitiría dispoñer dunha maior capacidade de almacenamento e serviría para reducir o número de incidencias no abastecemento de auga, segundo confirmaron desde a propia compañía subministradora. 
 
Ao remate do encontro, acordouse solicitar á Xunta de Galicia unha reunión para solicitar a colaboración do organismo autonómico na execución deste proxecto. Nesta reunión estarían representados os catro Concellos que se verían beneficiados por esta obra, así como Emalcsa.
 
back link