Hemeroteca

Asset Publisher

Back Os índices de criminalidade do Concello de Oleiros mantéñense por debaixo da media da provincia

Oleiros, 01 de marzo de 2016-. O subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán, e o alcalde de Oleiros, Angel García Seoane, copresidieron esta mañá a reunión da Xunta Local de Seguridade, que celebrou unha sesión ordinaria. Xunto a eles, asistiron a vicesecretaria xeral da Delegación do Goberno, Eva Vázquez; a xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno na Coruña, Judith Fontenla; a tenente alcalde do Concello de Oleiros, María José Varela; o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil da Coruña, Francisco Jambrina acompañado polo tenente xefe do Posto da Garda Civil de Oleiros, Francisco Javier Fernández e polo xefe accidental do Destacamento de Tráfico da Coruña, Miguel Ángel Rodríguez; o inspector xefe provincial da Policía Autonómica, Antonio Neto; o xefe da Policía Local de Oleiros, Eduardo Bocija e o coordinador do Servizo de Emerexencias e Protección Civil, Juan Suárez.

Na reunión deste órgano colexiado analizouse a evolución da seguridade cidadá no Concello, que se mantén nuns niveis estables de seguridade tralo incremento detectado no último trimestre de 2015 nos delitos contra o patrimonio (un 11% respecto ao total rexistrado en 2014). A Xunta Local constatou que tralas operacións Ocaso e Palomero desenvolvidas pola Garda Civil en 2016, esa tendencia reverteuse de forma que a taxa de criminalidade de Oleiros mantense inferior á media provincial e ata 15 puntos por baixo da taxa media nacional.

Na mesma liña, os asistentes reiteraron a importancia da colaboración cidadá na prevención, denuncia e posterior esclarecemento dos roubos en vivendas, dada a especial casuística que teñen este tipo de delitos.

COORDINACIÓN

Na mesma sesión, a Xunta Local ratificou tres protocolos que afondan na coordinación existente entre a Garda Civil e a Policía Local nas seguintes materias: seguridade cidadá (a través da colaboración na realización de inspeccións de persoas e vehículos); seguridade viaria e prevención e loita contra a violencia de xénero. Respecto deste último tema, os asistentes destacaron o papel activo que desempeña o corpo da Policía Local no seguimento e protección de vítimas de violencia de xénero neste municipio. Os asistentes informaron que estes protocolos servirán para mellorar a, xa de seu fluída, colaboración existente entre os corpos de seguridade presentes neste Concello.
 

back link