Hemeroteca

Asset Publisher

Back Oleiros solicita unha nova reunión con Fomento para solucionar o apagamento da iluminación públ

Oleiros, 11 de marzo de 2014-. Dentro da liña de diálogo e respecto institucional que o Concello de Oleiros mantén coas demais Administracións públicas do Estado, o pasado luns celebrouse unha reunión na Delegación de Estradas do Ministerio de Fomento na Coruña para intentar chegar a unha solución respecto aos apagamentos de iluminación que Fomento está levando a cabo en diversos tramos da N-VI ao seu paso polo municipio. Estes apagamentos afectan especialmente aos nós de comunicación e interseccións como a ponte da Pasaxe, O Seixo,  O Seixal e O Carballo.

Por lei, o Concello non ten capacidade nin competencia para manter estes sistemas de iluminación ao longo da N-VI, como así se especifica no art.126 do Regulamento de Estradas (RD-1812 de 1994) que sinala que o Ministerio de Fomento é o único responsable en todos os tramos de estradas estatais que discorran polo solo urbano. Esta mesma norma reitérase na Lei de racionalización e sostenibilidade da Administración local do 27 de decembro de 2013, a cal especifica as competencias municipais para evitar duplicidade nas competencias das administracións de forma que se faga efectivo o principio «dunha administración, unha competencia».

Na citada reunión mantida o pasado luns, na que incluso o Concello se ofreceu a asumir unha parte importante dos sistemas de iluminación nas travesías de Oleiros, os representantes ministeriais limitáronse a dar un portazo manifestando que, en caso de que o Concello pasara os contadores de iluminación a Fomento, este os apagaría. A este respecto, dáse a circunstancia de que o Goberno local está sufragando o fluído eléctrico dos semáforos de Beiramar e O Carballo, os cales serían apagados polo Ministerio.

Ante tal situación de falta de respecto ante as leis e normativas do Estado que repercute na seguridade dos peóns e dos vehículos nas travesías urbanas do municipio, o Concello de Oleiros solicitou unha nova reunión á que acudirá o alcalde e tras a que, en caso de non acordar ningunha solución, cortarase a subministración total da N-VI ao seu paso por Oleiros, incluídos semáforos. Ademais o Goberno local dará comunicación ao Xulgado de garda e á Fiscalía para que estude se a actitude do Ministerio de Fomento incorrese nun posible delito contra a seguridade das persoas.
 

back link