Oleiros, 20 de febreiro de 2015-. O Goberno local de Oleiros reitera a súa petición ante a Xunta para que leve a cabo de forma urxente o repintado do paso de peóns que se atopa nas inmediacións da rotonda das olas, na AC-174, ao seu paso pola localidade de Santa María de Oleiros. Este paso de peóns atópase totalmente despintado, o que pon en serio risco aos viandantes, xa que os vehículos non contan coa sinalización horizontal suficiente para percibir a súa presenza. Neste caso concreto a perigosidade aumenta xa que o paso é utilizado polo menos dúas veces ao día polos centos de alumnos e alumnas do CEIP A Rabadeira. Pero non só os escolares cruzan por este transitado punto, moitos outros veciños e veciñas utilízano posto que é un punto de acceso clave para a piscina municipal e o centro de saúde.
Hemeroteca
Asset Publisher
O Concello de Oleiros, a través da Concellería de Obras Públicas dirixiuse en reiteradas ocasións á Xunta para que leve a cabo o repintado sen que o Goberno autonómico realizase este necesario traballo nos últimos anos. No escrito enviado á Consellería, xunto con esta urxente petición, o Goberno local recordou outros puntos do municipio que revisten alta perigosidade en vías de titularidade autonómica debido á situación de falta de mantemento por parte da Xunta. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, solicitou nos pasados días unha reunión coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas sen que a dita petición fose respondida.