Oleiros, 27 de febreiro de 2012-. A concelleira de Interior, María José Varela, sinalou esta mañá que o Concello de Oleiros regulará o aparcamento durante o período estival na zona de Bastiagueiro, no aparcadoiro limítrofe coa pista de skate e na parcela municipal situados nas inmediacións da Finca da Silva. O sistema que se aplicará será similar ao da ORA, implantado desde hai anos noutros municipios. As tarefas fraccionadas aínda están por determinar con exactitude pero segundo sinalou a concelleira de Réxime Interior o estacionamento ao longo de todo o día non superaría, en ningún caso, os 5 euros. Este servizo estará controlado por unha empresa que será a encargada de supervisar o seu funcionamento.
Neste sentido, Varela sinalou que o Concello está a estudar a regulación nun futuro do aparcamento noutras zonas conflitivas durante a tempada estival, como determinadas zonas de Santa Cristina, a zona do parque Luís Seoane en Santa Cruz ou na parte máis próxima o paseo marítimo en Mera, desde Santa Ana ata á praza Ana Kiro, segundo sinalou Varela. Estes espazos son practicamente tomados na tempada estival por persoas que se desprazan ás praias e ocupan durante todo o día as prazas de aparcamento provocando un prexuízo ao comercio e á hostalería, así como aos veciños e ás veciñas residentes. Así mesmo, se está a estudar instaurar unha zona de aparcamento para residentes.