Hemeroteca

Asset Publisher

Back Oleiros realiza mañá o seu IV encontro de coidadores de persoas dependentes

Oleiros, 13 de xuño de 2013-. Máis de 60 persoas coidadoras de Oleiros, A Coruña e Chantada participarán mañá no IV encontro de coidadores que o Concello organiza nas Torres de Santa Cruz. Na atención á dependencia, tanto ou máis importante que os servizos ao dependente é o apoio ao benestar emocional aos coidadores, axudalos a coidar e coidarse mellor.

O perfil da persoa que participa neste programa é o dunha muller de entre 40 e 59 anos que coida o pai ou a nai que sofre unha demencia. O 86% son mulleres e o 14% son homes. Por tramos de idade o 56% están entre os 40 e 59 anos, o 35% máis de 60 anos e un 9% menor de 40 anos. En canto á relación de parentesco entre a persoa coidadora e a dependente o 53% son fillos/as e o 22% cónxuxes.

Para os Servizos Sociais de Oleiros o apoio a estas persoas coidadoras é unha liña de traballo estratéxica e desde novembro de 2009 pasaron xa máis de 200 persoas polos 10 obradoiros que se levaron a cabo. Nesta edición o encontro xirará ao redor do libro El mundo amarillo. Trátase dunha publicación de Albert Espinosa, na que o autor denomina así a unha forma de vivir e de ver a vida, poñendo o énfase no que se aprende dos momentos malos e dos momentos bos. Baseándose neste libro e na visión positiva que transmite, celébrase este encontro, no que falarán de experiencias propias á vez que se compartirán emocións nunha xornada de convivencia.

No programa hai momentos para o coñecemento a través de dinámicas de grupo, hai espazos para relatar experiencias propias e ver experiencias “amarelas”, así como unha comida de fraternidade. Coidar é unha conduta tan natural como aprender a vestirse ou  camiñar, todos somos coidadores e á vez persoas ás que coidar. No transcurso das nosas vidas, inevitablemente, exercemos ambos roles. Este tipo de coidado que se exerce sobre as persoas máis próximas e ao que habitualmente se denomina coidado informal, xoga un papel esencial na atención ás persoas dependentes.

Descubrindo emocións é unha intervención que se centra no apoio á persoa coidadora  para mellorar a súa calidade de vida e reducir a aparición de trastornos psicolóxicos implicados na tarefa de coidar. Trátase de ofrecer ás persoas coidadoras un espazo terapéutico de apoio, un espazo onde se sintan  escoitadas, apoiadas e comprendidas.

Tras as 8 sesións de que constan estes obradoiros, ofréceselles outro espazo denominado Coidando emocións, que fomenta o establecemento dunha rede social onde se conforma un grupo  permanente e estable de autoapoio, que permite o mantemento das condutas positivas adquiridas nos obradoiros, reforza as relacións entre os membros do grupo e  realiza un seguimento da evolución de cada persoa.

Estes obradoiros dirixidos por un psicólogo e unha musicoterapeuta realizan unha intervención onde traballan aspectos da expresión emocional, a conciencia da realidade cotiá e na busca de situacións positivas e menos estresantes para compensar  as súas realidades.
 

back link