Oleiros, 21 de novembro de 2011-. Oleiros acolle unha actividade multicultural que consistirá en varios xogos que xiran ao redor dun conto e que está dirixida a promover valores como o respecto, a solidariedade e a equidade de xénero. O acto, dirixido a nenos e nenas de 5 a 8 anos residentes no municipio, terá lugar o próximo 1 de decembro ás 18.00 horas no Centro Municipal de Formación Isaac Díaz Pardo, nos Regos.
Esta actividade enmárcase dentro dos actos da campaña de 16 días contra a violencia que vai desenvolver o Plan coordinador de servizos sociais do Consorcio As Mariñas nas próximas semanas nos nove concellos que o integran.
Polo carácter e a dinámica desta actividade é preciso limitar o número de prazas a 40, xa que realizarán distintas actividades relacionadas coa temática do conto: Irene no Sahara, unha nena cooperante nese lugar de conflito no mundo e a través do cal coñecerán unha realidade distinta á nosa.
É imprescindible para poder participar que se inscriban previamente no Departamento de Servizos Sociais do Concello de Oleiros, en persoa ou ben a través do teléfono 981 610 000, extensión 3118.