Hemeroteca

Asset Publisher

Back Oleiros promove a participación política das mulleres na India a través do Fondo Galego de Coop

Oleiros, 12 de marzo de 2013.- Promover a emancipación social e a participación política das mulleres é o obxectivo do proxecto que Implicadas no Desenvolvemento está a impulsar nos suburbios da cidade india de Tiruchy co apoio do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade do que forma parte o Concello de Oleiros. A asociación de Concellos e Deputacións cofinancia con 6.730 euros esta iniciativa que busca empoderar a 1.500 mulleres desfavorecidas e que está a levar a cabo a ONG local People’s Development Initiatives (PDI).

A través de actividades coma teatro de rúa ou sesións de sensibilización en materia de xénero, preténdese reducir as barreiras que dificultan a participación social das donas e promover un entorno equitativo onde se poñan en cuestión os estereotipos e roles sexistas. Ao tempo, prepárase ás mulleres para que creen as súas propias empresas e gañen independencia, ademais de formalas para activar a súa intervención política. A primeira capacitación impartiuse a comezos deste ano cun curso sobre tecido de alfombras a partir de roupa vella.

As actuacións canalízanse a través dos grupos de aforro e microcrédito que Implicadas e PDI impulsan na zona desde hai cinco anos dentro do seu Programa para o Empoderamento das Mulleres, insistindo na necesidade de traballar contra a discriminación de xénero como primeiro paso cara ao desenvolvemento. Nestes grupos de axuda mutua, as donas van xuntando os seus aforros para conceder préstamos ás integrantes, nunhas condicións que se deciden de xeito asembleario. A maiores, reciben formación e apoio nos seus problemas cotiás, co que van gañando autonomía e autoestima.

O proxecto apoiado polo Fondo Galego, de doce meses de duración, deu inicio en novembro de 2012, cunha presentación pública na que participaron representantes de PDI, do goberno local e mulleres clave no movemento feministas da zona. Ademais, nos primeiros meses de andaina realizouse unha formación para o persoal de PDI sobre a emancipación e a participación política das mulleres e impartíronse sesións de sensibilización sobre igualdade de xénero para a mocidade, co propósito de preparar as representacións do teatro de rúa. Organizáronse asemade reunións do persoal de PDI con representantes dos clubs de xénero, -integrados por mozas e mozos que fan voluntariado activo nas súas comunidades, denunciando e tratando de mudar comportamentos violentos cara ás mulleres- para planificar as actividades vindeiras.
 

back link