Hemeroteca

Asset Publisher

Back Oleiros presentará o próximo xoves un Programa de excursionismo e senderismo

Oleiros, 12 de marzo de 2012-. O próximo xoves, 15 de Marzo ás 18 horas na Fábrica, a concellería de Servizos Sociais do Concello de Oleiros presentará “GALICIA EN LETRAS” a nova edición para o ano 2012 do programa Ven e Descubre no que a liña temática é a nosa terra e as figuras da literatura galega. Está previsto realizar rutas de excursionismo e sendeirismo que percorrerán sete itinerarios distintos pola xeografía galega da man dos escritores e escritoras que neles viviron e que reflectiron en moitas das súas obras. O Concello de Oleiros quere transportar aos maiores nunha viaxe diferente, a unha experiencia única, seguindo as pegadas das letras. Percorrerán os lugares onde naceron, viviron e escribiron figuras da literatura galega tan importantes como Valle Inclán, Castelao , Emilia Pardo Bazán ou Xosé Neira Vilas. Será precisamente este escritor, Xosé Neira Vilas, o que se trasladará ata Oleiros o próximo xoves para falar da importancia de coñecer as obras e as vidas dos escritores e escritoras para enriquecer as nosas viaxes.


Unha das rutas que realizarán os participantes, “Memorias dun neno Labrego”, leva o nome da obra mais lida da literatura galega e na que o autor conta a historia de Balbino, un neno de aldea. Tamén como Balbino os maiores de Oleiros percorrerán as terras do Ulla e o Deza escudriñando na historia, na vida e na cultura do entorno que lles rodea.


Nesta presentación, no auditorio A Fabrica, participará tamén o Alcalde de Oleiros e o Concelleiro de Servizos Sociais, pero terán un protagonismo especial os veciños e as veciñas maiores que participan nos talleres de memoria que organiza o Concello de Oleiros. Levan xa varias semanas traballando sobre o coñecemento das obras dos literatos relacionados con cada itinerario, e preparando varios fragmentos que lerán durante a xornada.
As rutas execútanse a través de dous formatos diferentes: excursións en autobús,con pequenos itinerarios guiados e rutas de sendeirismo guiado onde se introduce o grupo dunha maneira máis directa e activa có entorno,sen esquecer a importancia que ten o compoñente físico da actividade.

Os datos de participación da edición anterior nos revelan que os maiores de Oleiros cada vez máis escollen esta actividade, e cada vez son máis maiores, un 53% entre os 71 e os 93 anos. O Concello de Oleiros oferta un total de 2580 prazas dirixidas as persoas maiores que estean empadroadas en Oleiros.
Cada unhas das excursións e das rutas de senderismo teñen un prezo público de 5 euros por cada saída, agás da ruta de sendeirismo por Oleiros. As persoas que lle interese coñecer mais a fondo o programa poderán recoller desde o 15 de Marzo a información en calquera instalación municipal.


“Galicia en letras” realizará os seguintes itinerarios:


Rutas de excursionismo
1. Arousa Norte, berce de literatos. Coñece Rianxo e a Pobra do Caramiñal da man de Castelao e Valle Inclán.
2. Cantigas do mar de Cangas. Seguindo aos xograres medievais descubriremos Cangas, a Costa da Vela e a pequena ría de Aldán.
3. Viaxe as terras encantadas de Monforte. A través da obra de tres
autores monfortinos, Manuel María, Lois Diéguez e Lois Pereiro
viaxaremos as terras de Lemos.


Rutas de sendeirismo
1. Os bosques escondidos de Oleiros. Oleiros conserva espazos máxicos onde o escritor e o lector pode buscar a tranquilidade e a inspiración.
2. Ruta pondaliana. Entre as paisaxes de Ponteceso e o Dolmen de Dombate que inspiraron a Eduardo Pondal e moitos autores da Costa da Morte
3. Terras de Miranda. As terras recreadas por Alvaro Cunqueiro de camiño a Mondoñedo.
4. Memorias dun neno labrego. No cerne de Galicia entre os ríos Ulla e o Deza seguindo os pasos de Balbino o personaxe do escritor Xosé Neira Vilas.

back link