Oleiros, 15 de maio de 2012-. O Concello de Oleiros presentou esta mañá o Roteiro Literario. Esta nova actividade percorrerá lugares emblemáticos do municipio relacionados de forma directa con mulleres ilustres como María Casares, Sofía Casanova, Emilia Pardo Bazán e Juana de Vega, segundo sinalou a concelleira de Cultura e Normalización Lingüística Esther Garrido Pan. «Esta ruta recorre Oleiros a través de Emilia Pardo Bazán e o Castelo de Santa Cruz, Sofía Casanova e as casas onde veraneou en Mera, Juana de Vega e o Pazo da Carballeira en Nós, María Casares co Pazo do Río e Villa Galicia en Montrove», indicou a concelleira.
Esta novidosa actividade, organizada pola Rede Municipal de Bibliotecas Públicas Municipais, o Servizo de Normalización Lingüística e o Instituto Miraflores, ten como principais obxectivos dar a coñecer diferentes mulleres ilustres que viviron no Concello de Oleiros e mellorar o coñecemento de diferentes espazos do municipio de Oleiros. Segundo sinalou Luz Corral, responsable técnica da Rede Municipal de Bibliotecas esta iniciativa púxose marcha o pasado mes de outubro. «Coordinámonos co profesorado do Departamento de Lingua Galega do instituto Miraflores para poder elaborar a publicación posto que queríamos que participase directamente o alumnado», indicou.
O próximo día 30 realizarase unha primeira ruta co alumnado do IES Miraflores. A actividade partirá do castelo de Santa Cruz, onde unha monitora do CEIDA falará de como estaba na época de Emilia Pardo Bazán. Posteriormente trasladaranse á localidade de Mera, á casa de veraneo da periodista Sofía Casanova. Logo irase ao pazo da Carballeira en Nós, lugar onde viviu a escritora Juana de Vega e onde as persoas participantes serán recibidas polo director da Fundación Juana de Vega, quen explicará as súas funcións. Por último visitarase Montrove e o pazo do Río, lugar no que pasou parte da súa infancia a actriz María Casares. En todos estes lugares a presentación destas mulleres ilustres será realizada polo alumnado de 1º de bacharelato que elaborou o folleto.