Oleiros, 14 de xuño de 2013-. O castelo de Santa Cruz acolle o próximo xoves 20 de xuño ás 20.30 horas a presentación do libro Palabras (Bululú), de Xaquín Marín e Gabriel Tizón, e con prólogo de Quico Cadaval. No acto intervirán Xaquín Marín, Gabriel Tizón, Quico Cadaval e o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane. Palabras é un proxecto no que conviven as obras do ilustrador Xaquín Marín e as do fotógrafo Gabriel Tizón.
De forma paralela á presentación do libro inaugurarase unha exposición homónima que estará no castelo e logo percorrerá ao aire libre os distintos parques do municipio. Nesta mostra os autores comparten unha mirada común a través de dúas artes sobre situacións cotiás a través do debuxo e a fotografía.
En total exporanse 30 obras, 15 de cada autor, que reflicten e ilustran o significado de palabras como amizade, amor, capitalismo, humor, emigración, educación, paz, guerra, cultura… palabras de carácter atemporal que resumen as emocións que moven as persoas deste mundo ao longo do tempo na nosa sociedade. Imaxes educativas e reflexivas para os autores e o público en xeral, sen distinción de idades, culturas ou ideoloxías, unha invitación ao público a reflexionar en tempos de présas que nos levan a cometer continuos erros.
Trátase de dous artistas galegos con recoñecemento dentro e fóra das nosas fronteiras, pertencentes a dúas xeracións pero que amosan un obxectivo común polo cal se xuntaron para esta mostra. «Compartir unha mirada para amosar o mundo a través de dúas artes», sinalan os propios autores. En definitiva, un libro e unha exposición cun evidente compromiso social.