Hemeroteca

Asset Publisher

Back Oleiros pon fin ao programa de actividades 2011 nas bibliotecas municipais cunha sesión de cont

Oleiros, 19 de decembro de 2011-. O mércores, 21 de decembro nas Torres de Santa Cruz levaranse a cabo dúas sesións de contacontos tituladas Contos de Nadal. A primeira será ás 18.00 horas e está dirixida a nenas e nenos menores de 3 anos, co título Soños de neve: contos e cancións para bebés. A segunda sesión será ás 18.30 horas e está dirixida para nenas e nenos a partir de 3 anos, co título de Contos de Nadal.

Este será o último contacontos que terá lugar neste ano tan frutífero para as bibliotecas municipais de Oleiros. As bibliotecas municipais de Oleiros resultaron ganadoras do Premio María Moliner 2011, na modalidade de municipio de entre 20.001 a 50.000 habitantes, convocado polo Ministerio de Cultura e a FEMP a nivel de todo o Estado español. O Premio María Moliner é o galardón máis importante que existe na actualidade en España dirixido a bibliotecas e supón un importante recoñecemento e valorización do traballo realizado polas bibliotecas municipais de Oleiros. Esta convocatoria tiña como obxectivo premiar o mellor proxecto que incluíse as accións de animación á lectura, a eficiencia e o labor bibliotecario, a integración social na comunidade e o uso das novas tecnoloxías, valorando a eficiencia na administración dos recursos da biblioteca e o esforzo realizado en función dos recursos dispoñíbeis, os proxectos de extensión bibliotecaria levados a cabo, a colaboración cos centros educativos e outras entidades e en conclusión aqueles proxectos que fomentasen a convivencia intercultural e o desenvolvemento tecnolóxico.

O proxecto presentado polas bibliotecas municipais de Oleiros denominouse «Lecturas refrescantes» e nel presentáronse as principais actividades de fomento da lectura realizadas durante o primeiro semestre deste ano entre as que podemos destacar: a Hora do conto realizada nas oito bibliotecas e á que asisten numerosos nenos e nenas de todo o municipio, os Talleres de Lectura e Tertulias Literarias, que se desenvolven na Biblioteca Central Rialeda e na Biblioteca P. M. Rosalía de Castro de Santa Cruz, na Biblioteca Central Rialeda púxose en marcha un Club de Lectura Xuvenil cun resultado moi positivo de participación, os Encontros con escritores/as, a Campaña de Animación á Lectura titulada As viaxes, na que se traballou con libros que tratasen esta temática, dirixiuse a alumnado dos centros de ensino público deste concello, desde educación infantil ata 6º de primaria, participando 1.948 alumnos/as e 86 profesores/as. Esta campaña realizouse en tres bibliotecas: Biblioteca Central Rialeda, Biblioteca P. M. Rosalía de Castro de Santa Cruz e Biblioteca P. M. Manuel María de Oleiros.

Os Talleres de iniciación ao cómic montados na Biblioteca Central Rialeda, na Biblioteca P. M. Manuel María de Oleiros e na Biblioteca P. M. Rosalía de Castro de Santa Cruz, nos que participaron 240 nenos/as e 12 profesores/as. Talleres de iniciación á ilustración organizados na Biblioteca P. M. Manuel María de Oleiros e na Biblioteca P. M. Rosalía de Castro de Santa Cruz, nos que participaron 175 nenos/as e 8 profesores/as. Conmemoráronse o Día Internacional da Muller Traballadora, o Día da Poesía, o Día Mundial do Teatro, o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil e o Día do Libro. Neste ano no que se conmemora o centenario do nacemento do insigne escritor Álvaro Cunqueiro realizamos a Homenaxe a Álvaro Cunqueiro. Tamén se realizaron actividades sobre escritores latinoamericanos: García Márquez, Borges, Galeano, Gabriela Mistral, Benedetti, Vargas Llosa... en Viaxe pola literatura hispanoamericana. A conmemoración do Día das Letras Galegas foi todo un éxito durante todo o mes de maio, con actividades diversas, contacontos, recitais de poesía, creación de murais.

 A actividade titulada Ler para saber: a ciencia na que profesorado da Universidade da Coruña e dos centros de ensino de Oleiros e técnicos dos Museos Científicos Coruñeses impartiron gratuitamente charlas para adolescentes, ademais de que os propios nenos e nenas explicaran ás persoas asistentes un tema científico que lles interesase. Desde a Biblioteca Central Rialeda e Biblioteca P. M. Rosalía de Castro de Santa Cruz colabórase durante todo o ano con Radio Oleiros, todo os venres,  no espazo Todo, todo está nos libros. Organizouse a actividade titulada Proxecto 5-7-5. Haikus na que as usuarias e usuarios recomendaron poemas que lles gustaban ou enviaron poesías da súa propia creación. Realizáronse talleres de Formación de usuarios/as e visitas guiadas á Biblioteca Central Rialeda. Organizouse un contacontos para as persoas maiores dos centros da 3ª Idade, titulado Para os nosos maiores: o comezo do mundo. Ao longo do ano e en todas as bibliotecas montáronse diversas exposicións bibliográficas coincidindo con conmemoracións, homenaxes, datas de interese, actividades, sobre as diversas épocas do ano, etc. e tamén  se elaboraron diversas guías de lectura, entre as que destacou Lecturas refrescantes  que foi a que deu título ao proxecto galardoado.

 As bibliotecas municipais durante este ano 2011 realizaron un esforzo por achegarse á cidadanía, aumentar o número de actividades de promoción da lectura levadas a cabo, para traballar en prol da difusión do libro e a promoción da lectura, co obxectivo de formar novos  e mellores lectores e conseguir máis poboación lectora dentro do Concello de Oleiros. O Goberno local quere compartir este premio coas veciñas e veciños de Oleiros, coas persoas, entidades, asociacións e centros educativos que colaboran coas bibliotecas e, especialmente, coas usuarias e usuarios que participan nas nosas actividades. Ademais, quere agradecer a todos aqueles que axudaron a que Oleiros sexa un referente a nivel estatal na promoción lectora cun servizo bibliotecario eficiente e de calidade.
 

back link