Oleiros, 17 de marzo de 2014-. O Concello de Oleiros pon en marcha a actividade para escolares Campa Abril. Trátase dun campamento de tres días onde os nenos e nenas a través de actividades artísticas educativas, aprenderán a través de métodos lúdicos. Os monitores intentarán mellorar a súa autonomía persoal e a adquisición de hábitos saudables. Durante esta actividade levarán a cabo obradoiros de cociña divertida, de cómic, de reciclaxe e sobre todo grandes xogos de animación en grupo.
As persoas destinatarias son, por unha banda, nenos e nenas nacidos entre o 2011 e o 2008, e por outra os nacidos entre 2007 e o 2002. A actividade levarase a cabo no CEIP Isidro Parga Pondal en horario de 9.00 a 14.00 horas os próximos 14, 15 e 16 de abril. Existe un total de 50 prazas e o prezo de inscrición é de 24,50 euros para empadroados/as e 40,80 euros para non empadroados/as.
O prazo de preinscrición remata o próximo 25 de marzo. A solicitude pode cursarse a través do correo electrónico c.xuventude@oleiros.org, nas oficinas do centro cultural A Fábrica, ou no portal web municipal www.oleiros.org. En caso de que houbese máis solicitudes que prazas ofertadas, terá lugar un sorteo público o próximo 26 de marzo no auditorio da Fábrica.