Hemeroteca

Asset Publisher

Back Oleiros participará no proxecto da primeira candidatura á Reserva Mundial da Biosfera da provin

Oleiros, 20 de setembro de 2011-. O Concello de Oleiros participará no proxecto da primeira candidatura á Reserva Mundial da Biosfera da provincia da Coruña como membro da Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos. Esta asociación está activa desde xullo de 2008 como Grupo de Desenvolvemento Rural coa finalidade de ser o núcleo de integración e representación dos diferentes axentes territoriais, institucionais, sociais e económicos, tanto públicos como privados, interesados en promover o desenvolvemento sostible do territorio. O grupo ten o convencemento de que a figura de Reserva de Biosfera vai supoñer un importante avance para unha xestión do territorio máis racional, unha explotación dos recursos máis sostible, a revitalización das actividades económicas, a recuperación medioambiental e a promoción do territorio a escala mundial.

As Reservas Mundiais de Biosfera, recoñecidas pola UNESCO, son territorios preocupados por innovar e amosar que é posible compaxinar conservación ambiental e desenvolvemento socioeconómico sostible, e que teñen un forte compromiso por mellorar as relacións entre o home e o seu medio.

Neste sentido o concelleiro de Obras Públicas, Rodrigo López Piquín,  representante do Concello de Oleiros no Grupo de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, sinalou esta mañá que o obxectivo desta iniciativa é «garantir todos os aspectos da sustentabilidade medioambiental, económica, social, cultural do noso territorio e pór en valor os nosos espazos naturais». Así mesmo, o representante do Concello de Oleiros indicou que o proxecto de Reserva da Biosfera aproveita a protección para fomentar as actividades económicas non para limitalas. «Isto é o desenvolvemento sostible, un equilibrio entre un obxectivo ecolóxico, social e económico», concluíu.

En definitiva, unha Reserva de Biosfera é froito dunha reflexión conxunta en busca da nosa entidade e a proxección do futuro que queremos, que debe buscar a calidade de vida, sen comprometer ás xeracións futuras, deixando un territorio en mellores condicións que o recibido polos nosos antepasados.

back link