Oleiros, 28 de marzo de 2014.- O Goberno de Oleiros está a participar ao longo de hoxe na Asemblea xeral ordinaria do fondo Galego de Cooperación, a que asisitiu como representante a Cocnelleira de Cooperación e Participación Cidadá, Marga Figueroa. Un dos elementos centrais do encontro será a exposición do Plan de actividades para 2014, aínda que a cita arrincará coa presentación do informe da situación actual da asociación municipalista, a cargo da presidenta, Teresa París. Amais da aprobación do balance económico de 2013, tamén se someterá a votación a proposta de ratificación de altas e baixas.
En canto ao Plan 2014, reedítanse fórmulas de éxito coma o concurso Imaxes con Fondo, o programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo, os contos da Tropa de Trapo, os ciclos de cine ou as exposicións. Entre as novidades que se ofertan, destacan os obradoiros de fotografía ou os encontros dixitais #Alén2015.
Nesta Asemblea tamén se actualizará o avance dos proxectos impulsados en Cuba, Mozambique e El Salvador canda ONGD galegas, así coma o destino das doazóns recadadas para Filipinas. Do mesmo xeito, exporase a segunda fase da iniciativa Redes para o Desenvolvemento, onde o Fondo Galego participa canda entidades de Portugal, Alemaña e Holanda co obxectivo de fortalecer as autoridades locais europeas en accións de educación para o desenvolvemento.