Hemeroteca

Asset Publisher

Back Oleiros participa na Asemblea do Fondo Galego de Cooperación

Oleiros, 12 de novembro de 2013.  O  Concello de Olerios participará este xoves en Santiago de Compostela na Asemblea xeral do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Nesta xuntanza, que dará comezo ás 12.30 horas na sede da Fegamp, decidiranse os proxectos que se cofinanciarán durante os próximos meses en países do Sur e presentarase o novo Plan de Comunicación en liña do Fondo Galego.

Quince ONGs galegas presentaron á convocatoria aberta este ano un total de 17 proxectos de cooperación ao desenvolvemento nunha decena de países, en sectores que van desde a sanidade e a educación ata o fortalecemento da sociedade civil ou a protección do medio ambiente. Unha vez valoradas as propostas pola Secretaría do Fondo Galego, a Comisión Avaliadora, integrada por persoal de distintas administracións socias, trasladou o seu ditame á Comisión Executiva, que formulou a proposta que agora deberá resolver a Asemblea.

Na xuntanza exporase tamén un avance do Plan de Comunicación en liña, ao que cada deputación e concello socio pode contribuír e, á vez, tirar rendemento, aproveitando o valor agregado que supón formar parte desta rede de institucións e persoas. O documento parte da base de que tamén cooperamos cando comunicamos, por exemplo amosando as motivacións e resultados dos proxectos no Sur ou das actividades de sensibilización en Galicia. As novas tecnoloxías e as redes sociais permiten redimensionar o alcance desta difusión e pór en marcha  boas prácticas ao respecto.
 

back link