Oleiros, 30 de maio de 2014-. O Concello de Oleiros organiza para o próximo luns 2 de xuño un encontro literario coa autora Anxos Sumai. Nesta xuntanza, que terá lugar ás 18.30 horas na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro sita nas Torres de Santa Cruz, falarase do seu libro Así nacen as baleas que se leu nas tertulias literarias desta biblioteca e presentarase a súa última obra A lúa na colleita, publicado pola editorial Galaxia. Premio da Crítica na modalidade de narrativa galega 2014, Premio García Barros de novela 2013, Premio da Narrativa AELG 2014, Premio Fervenzas Literarias Mellor Portada Adultos 2013.
Hemeroteca
Asset Publisher
A lúa da colleita é unha obra que trata sobre a identidade e a maneira de percibir a realidade de cada persoa. Trátase dunha novela que ten o lector en constante tensión posto que a protagonista regresa a un lugar no que aconteceu algo, pero que ela non lembra e precisa saber se é verdade ou non. O outro libro do que se falará, Así nacen as baleas, tamén foi publicado pola editorial Galaxia. Premio Arcebispo San Clemente e Premio de Narrativa Breve Repsol YPF 2007. Conta a historia da volta á casa dunha moza, que está en California, onde traballa de bióloga con baleas.