Oleiros, 11 de febreiro de 2014-. O Servizo de Normalización Lingüística organiza para o 14 de febreiro o concerto O meu primeiro Celso Emilio na Fábrica, pola mañá haberá unha sesión para o alumnado de bacharelato e de secundaria dos centros de ensino e pola tarde, ás 21.00 horas, para o público en xeral. Este recital homenaxea a Celso Emilio Ferreiro a través da voz de María Manuela, Mini, Mero e Xiana Lastra.
Este concerto, que dá vida ao libro que editaron Xosé e Xiana Lastra, dá unha visión da obra de Celso Emilio adaptándoo a todas as idades e en especial á mocidade. Con esta actividade o Concello quere dar a coñecer a vida e a obra do autor, promover a lingua e reflexionar sobre a situación lingüística a través da obra de Celso Emilio. O meu primeiro Celso Emilio chega unha semana antes do Día da Lingua Materna para que o alumnado traballe sobre esta data nas clases.