Oleiros, 3 de marzo de 2015-. O Concello de Oleiros traballa durante todo o ano a prol da igualdade de xénero, reivindicando o papel da muller na sociedade de hoxe en día, a través da actuación transversal que se fai desde todas as concellerías na aplicación do Plan de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. Ante a próxima data do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o Concello de Oleiros ten prevista unha serie de actos relacionados con ese día ao longo de todo o mes. Este venres, 6 de marzo, ás 21.00 horas, actuará no centro cultural A Fábrica a cantante Guadi Galego, co seu espectáculo “Lúas de outubro e agosto”.
Hemeroteca
Asset Publisher
Ao día seguinte, o sábado 7 de marzo, ás 20.30 horas, no auditorio Gabriel García Márquez de Mera, o grupo Chévere, Premio Nacional de Teatro 2014, representará o seu espectáculo As fillas bravas, un espectáculo con perspectiva de xénero para sensibilizar e combater as desigualdades e a violencia.
Por outra banda, nas bibliotecas municipais, ao longo deste mes, desenvólvense distintos faladoiros, charlas e obradoiros que tratarán outra mirada sobre a muller e a súa participación na literatura.
Tamén desde a Concellería de Ensino, na programación que se imparte nos centros educativos durante todo o ano, apóstase por unha formación coeducativa en igualdade tanto ao alumnado de primaria como de secundaria. A finais deste mes está prevista a entrega dos premios nos distintos concursos dos proxectos coeducativos que están na actualidade en marcha.
O venres, 6 de marzo, pola mañá, no salón de actos do IES Neira Vilas en Perillo, realizarase un acto para formalizar a adhesión de todos os centros de ensino público de Oleiros ao pacto local contra a Violencia de Xénero, un acordo en prol da defensa da igualdade entre homes e mulleres e en contra da violencia de xénero que se acadou en todo o Consorcio As Mariñas. Todos os centros de ensino de Oleiros, así como as bibliotecas, lucirán unha placa na que se amosará ese compromiso da poboación dos veciños e veciñas de Oleiros con ese pacto local.
En definitiva, un conxunto de actos que teñen como fin dar maior realce nesta data á actuación e ao compromiso municipal pola igualdade real e efectiva de xéneros durante todo o ano e desde todas as concellerías.