Oleiros, 7 de xuño de 2012-. O Concello de Oleiros, a través da Concellería de Ensino, leva a cabo durante estes días o Programa de coñecemento do medio, que se realiza en colaboración cos centros de ensino público de Oleiros. Nesta actividade alumnos do CEIP Luís Seoane visitan a zona do Caurel, espazo cun alto interese natural, histórico-artístico, xeográfico, e etnográfico.
A través desta iniciativa, que terá una duración total de tres días, preténdese, desde a perspectiva da educación ambiental, coñecer e descubrir Galicia e os seus enclaves máis importantes. Estes lugares de especial valor é necesario coñecelos e conservalos por que son a esencia territorial e cultural do noso país. Ademais falar coas súas xentes e coñecer algúns dos seus problemas ambientais será de grande axuda para que no futuro sigan mantendo o seu valor. Os técnicos municipais destacan que «neste programa teñen especial importancia as relacións grupais e a convivencia nos días de estancia como bases para unha adecuada socialización, aumentando os lazos da amizade e as experiencias lúdicas compartidas no medio».
Os principais obxectivos que busca o Goberno local son descubrir as características máis definidoras a nivel natural, xeográfico e cultural deste lugar fomentando a curiosidade pola investigación e a exploración na natureza, promover a convivencia e a socialización do grupo e posibilitar ao profesorado novos xeitos de ensinar en contacto directo co noso medio. Así mesmo, con esta excursión búscase fomentar a autonomía e o desenvolvemento persoal dos escolares fóra do ámbito familiar e escolar e posibilitar que coñezan os principais problemas ambientais da zona.