Oleiros, 25 de abril de 2012-. O Goberno local de Oleiros lembra aos veciños e veciñas do municipio a obrigación de manter limpas e libres de maleza as súas propiedades, xa que o incumprimento desta obrigación supón unha violación da Ordenanza municipal de limpeza e da Lei de ordenación urbanística do medio rural de Galicia. As persoas propietarias dos inmobles e soares teñen o deber de mantelos nas debidas condicións de hixiene, salubridade, seguridade, limpeza e ornato público, posto que do contrario se producirían molestias e un risco para a seguridade dos veciños lindeiros e das persoas usuarias das vías públicas. O incumprimento desta normativa podería carrear sancións económicas de carácter coercitivo comprendidas entre os 300 e os 6.000 euros.
Co obxectivo de facilitar esta tarefa, o Concello de Oleiros pon a disposición de todos os veciños unha serie de contactos con persoas que se encargan de forma específica deste tipo de traballos de roza. Se algún outro veciño ou empresa do municipio se dedica a esta actividade e desexa ser incluído na listaxe municipal que confecciona o departamento de Orde Pública pode poñerse en contacto co Concello a través do portal web municipal ou a través do teléfono 981 610 000.