Oleiros, 7 de maio de 2015-. O Concello de Oleiros liquidou o orzamento xeral de 2014 con un superávit de 6 millóns de euros. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, anunciou esta mañá tras a celebración do pleno onde se deu conta deste asunto que o diñeiro froito da liquidación do orzamento do pasado curso será destinado a levar a cabo importante investimento que se executarán este mesmo ano como obriga a lei.
O rexedor explicou que esta cantidade de diñeiro non poderá ser destinado a obras de nova creación que xeren gasto corrente por directrices expresas do Ministerio de Facenda, polo que estes 4,8 millóns de euros se destinarán o investimento de servizos existentes. Deste modo, despois de toma de posesión da nova corporación tras os comicios municipais realizaranse obras de grande importancia. Así, renovarase a depuradora de augas de Punta Bufadoiro para que funcione de forma óptima. O alcalde sinalou que é necesario contar cun sistema eficiente de depuración nesta zona da contorna da localidade de Mera.
Así mesmo recuperarase o peche do parque José Martí, de Santa Cristina. Este perímetro, construído en parte con madeira, atópase deteriorado polo que será renovado. Ademais, como unha das demandas veciñais máis importantes, o rexedor anunciou que o Goberno local dotará de céspede artificial de forma inminente os campos de fútbol municipais de Montrove, Os Regos e Iñás. Estas tres importantes obras nas instalacións deportivas supoñen un investimento total de 900.000 euros.
Pola súa banda, a torre Bescansa situada nas inmediacións da ría do Burgo en pleno paseo marítimo será habilitado para albergar a actividade xuvenil. A torre funcionará en servizo de préstamo para que os mozos e mozas do municipio poidan levar a cabo actividades de distinto tipo como ata agora se veñen facendo noutras casas de propiedade municipal.
Tamén se construirá a senda peonil costeira entre a capela de Santa Ana e a península de Canide. Esta obra, que contará cun investimento próximo aos 400.000 euros, foi reclamada en numerosas ocasións ao longo dos últimos anos ao Ministerio de Medioambiente, pero os continuos atrasos na súa execución levaron ao Concello a asumir esta obra que completará o actual paseo desde a praia de Espiñeiro. Doutra banda asfaltaranse tres rúas que necesitan unha renovación de pavimento debido ao seu alto tránsito e a súa gran deterioración. Estas vías son a rúa río Sar, Fornos e Salvador de Madariaga. Así mesmo, renovarase a rede de augas que discorre entre a zona de Agramar e Beiramar, en Perillo.
García Seoane sinalou ademais que se habilitará unha beiravía para peóns desde a zona de O Couto, en Dorneda, ata Mera por ambas marxes da AC-173. Segundo sinalou o rexedor trátase dunhas obras de entre tres e catro quilómetros de extensión. Esta área rexistra un grave problema de seguridade viaria ao carecer dunha zona de paso para peóns. A dotación de beirarrúa neste punto é unha reivindicación do Goberno local. Ante a pasividade da Xunta, administración responsable desta vía, o Concello actuará dotando a zona dunha vía de paso para peóns. Os traballos constarán dunha primeira fase coa preparación do terreo e a construción da senda. Nunha segunda posterior realzaríase o acabado final.