Hemeroteca

Asset Publisher

Back Oleiros instará ao Consorcio a esixir ao ministerio de fomento que axilice as obras de ampliaci

Oleiros, 13 de xuño de 2011-. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, anunciou esta mañá que solicitará a través do Consorcio das Mariñas que se axilicen as obras de ampliación da N-VI. O Goberno local formulará esta iniciativa ao resto de membros do ente supramunicipal tras solicitar en reiteradas ocasións ao Ministerio que tratase de inmediato os traballos  sen que o desenvolvemento destes sufrise un incremento de actividade nos últimos meses. Actualmente atópase en situación de estancamento.

García Seoane argumentou a súa decisión de facer esta demanda a través do Consorcio das Mariñas asegurando que esta mellora repercutirá en toda a comarca, xa que a N-VI é unha das principais vías de acceso á cidade e á área metropolitana. Así mesmo, o alcalde de Oleiros criticou a pasividade mostrada polo Goberno central no desenvolvemento desta importante infraestrutura e comparou a situación da comarca da Coruña con outras cidades galegas. «Cada vez que visito Santiago ou Vigo sinto envexa sa ao ver a cantidade de accesos cos que contan o resto de capitais galegas mentres en Coruña seguimos coas estradas que había hai 30 anos», dixo o rexedor. «Vivimos unha situación terceiromundista. Atopámonos na idade de pedra», apuntou. Ademais García Seoane animou os veciños e veciñas de Oleiros e do resto da área metropolitana a que se dirixan ao Ministerio de Fomento a través de correos electrónicos para demandar os traballos, xa que se tratan de obras aprobadas e orzamentadas. Aqueles que desexen facelo poden cursar a súa demanda a través do correo electrónico atencionciudadano@fomento.es .


Rotonda de Solymar

Por outro lado, García Seoane sinalou que é necesario axilizar os traballos de soterramento do trazado da N-VI ao seu paso pola avenida das Mariñas e a creación dunha rotonda á altura da intersección cara á estrada Perillo-Sada, coñecido como o cruzamento de Solymar. «No verán as colas prolónganse durante todo o día desde as oito da mañá», manifestou.

back link