Hemeroteca

Asset Publisher

Back Oleiros impulsa as X Xornadas Anuais de Cooperación

Oleiros, 01 de decembro de 2015-. A Casa das Campás de Pontevedra acolle este xoves 3 de decembro as X Xornadas Anuais de Cooperación que organiza o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade do que forma parte o Concello de Oleiros. ‘Vacacións con Traballo. Unha década de cooperación dende o local’ é o título desta edición, que contará con participantes no programa de voluntariado internacional e máis con representantes sindicais, dos municipios de Cabo Verde e do Fondo Extremeño. Tamén haberá teatro, café de comercio xusto e inaugurarase unha exposición fotográfica.

A apertura do evento terá lugar ás 9:30 horas a cargo de Juan González, presidente do Fondo Galego.  A continuación desenvolverase a primeira mesa de traballo, sobre “Fórmulas para a implicación e participación da administración local en proxectos de cooperación ao desenvolvemento”, moderada pola xornalista María Varela. No debate participarán José Ramón Piñeiro, responsable da Sección Sindical de CCOO na Deputación de Pontevedra; Xosé Carlos Crespo, secretario nacional de Comunicación da CIG-Administración Pública; e Ángel Gil, da Central Sindical Independiente y de Funcionarios (CSI-F).

A segunda mesa, titulada “Programa Vacacións con Traballo. Experiencias dunha década” e moderada por Daniel González Palau, exsecretario do Fondo Galego, contará coa experiencia de tres traballadores das administracións locais e provinciais galegas que cooperaron en países empobrecidos, desde a posta en marcha do programa en 2006 ata o día de hoxe. Trátase de María López, que viaxou a Nicaragua o primeiro ano; Jorge Duarte, que estivo en Cuba en 2009, e Ana Ferradáns, que vén de colaborar en Cabo Verde.

O seu relato complementarase con dous convidados internacionais, representando aos parceiros do Fondo Galego en Cabo Verde: José Belmiro Fonseca, concelleiro de Agricultura, Pecuária, Pescas, Turismo Rural, Segurança Urbana e Emigração da Cámara Municipal de Santa Cruz, e mais Manuel Monteiro de Pina, presidente da Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos e alcalde da Cámara Municipal de Ribeira Grande de Santiago.

Finalmente, na terceira mesa de traballo exporase “Outra experiencia semellante a Vacacións con Traballo: Voluntari@s Expertos”. A encargada de dala a coñecer será Nuria Morán Estévez, técnica de proxectos do Fondo Extremeño Local de Cooperación para el Desarrollo (Felcode), que será presentada por Andrea Manuela García Corzo, secretaria do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

O avance dos debates poderase seguir en directo a través de Twitter co hashtag #XornadasFondo15. Ademais, na pausa matinal degustaranse produtos de comercio xusto en colaboración coa ONG Amarante, momento no que a compañía teatral A Tropa de Trapo presentará tamén o espectáculo ‘Contos coas Mans Abertas’. O colofón das xornadas será a inauguración da mostra ‘Nicaragua: o futuro’ coas imaxes que o fotoxornalista vigués Felipe Carnotto realizou no país centroamericano como gañador do concurso Imaxes con Fondo II. Estas tres actividades contan co financiamento da Xunta de Galicia.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 87 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.
 

back link