Oleiros, 30 de xaneiro de 2013-. O Goberno local de Oleiros celebrou esta mañá un pequeno acto para homenaxear a Emilio Castelo Barral, un veciño de Oleiros que maña, día 31 de xaneiro, cumpre 100 anos de idade. Durante o acto, o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane entregoulle un libro de fotografías sobre faros como símbolo do que a súa figura significa para a comunidade. O homenaxeado visitou o Concello acompañado do seu xenro, do seu neto e da súa bisneta.
Emilio, natural da Eirís, casou con Lola de Coruxo e estableceuse en Santa Cruz durante toda a súa vida. Traballou na construción é unha persoa moi querida na localidade polo seu carácter afable. Emilio goza dun cariño especial por parte dos seus veciños e veciñas, que valoran o modo en como coidou da súa muller enferma durante moitos anos. É unha persoa moi activa, e aínda que nestes momentos ten pequenos problemas de mobilidade, segue a ler con frecuencia e estar informado de todo o que pasa ao seu redor.
O sábado pasado adiantou a celebración do aniversario cunha comida rodeado da súa familia e das súas persoas máis queridas. Está previsto que nos próximos días reciba tamén unha homenaxe por parte da asociación de veciños Santaia por ser o primeiro socio que acada os 100 anos de idade.