O goberno municipal participou na mobilización convocada o domingo na Coruña baixo o lema "Solidariedade galega coas persoas refuxiadas". Tras unha ampla pancarta coa mensaxe "Gobernos terroristas de Occidente ao Tribunal da Haya. Oleiros coa poboación siria", o goberno municipal oleirense marchou xunto ao resto de cidadáns e cidadás comprometidos coa solidariedade, a xustiza universal e os dereitos fundamentais do ser humano.
O Goberno municipal de Oleiros sumouse a esta reivindicación secundada por tódalas forzas políticas da comarca agás o PP. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, volveu manifestar a necesidade de "esixirlle aos Gobernos culpables que se fagan cargo da atención, con dignidade, dos milleiros de persoas vítimas das súas políticas". Neste sentido, insistiu na posibilidade que ten a Xunta de Galicia de poñer a disposición destas persoas as instalacións da Universidade Laboral, así como de negociar con Abanca a utilización do hotel Sada Marina, adquirido en poxa pola entidade hai uns días: "Cada concello ten que achegar na medida das súas posibilidades, o que non é de recibo é que os Gobernos autonómicos e central descarguen esta responsabilidade sobre os orzamentos dos concellos que, en moitas ocasións, non contan coas infraestruturas e cos fondos necesarios", insistiu Seoane.
Ao final da mobilización, a xornalista Consuelo Bautista leu un manifesto no que se lle esixiu "aos Gobernos europeos que (...) asuman as súas responsabilidades en cumprimento das súas obrigas internacionais" así como "o remate das respostas policiais, coercitivas ou represivas e dos obstáculos que dificulten a protección e o amparo a estas persoas".