Oleiros, 23 de febreiro de 2015-. O Concello de Oleiros denunciará os funcionarios responsables de que non se pagasen as expropiacións da vía Ártabra, segundo sinalou esta mañá o alcalde Ángel García Seoane. O rexedor afirmou que o Concello se pon a disposición dos veciños afectados polos impagos para emprender accións legais por vía penal en contra dos altos funcionarios da Xunta responsables de que gran parte das contías económicas froito das expropiacións de terreos para a construción da vía Ártabra non se pagasen sete anos despois de efectuarse e case dous despois da entrada en funcionamento de parte da vía.
Hemeroteca
Asset Publisher
García Seoane dixo que o Concello procederá de forma inminente e asegurou que é inadmisible que a administración autonómica non efectuase os pagos, xa que é ilegal executar unha expropiación sen realizar o pagamento correspondente. O Concello anunciou a finais do pasado ano que o gabinete xurídico se atopaba estudando o modo de proceder contra a Xunta polos impagos aos expropiados. Así mesmo, o rexedor preguntouse entón onde se atopa o diñeiro orzamentado para realizar os ditos pagamentos desde hai máis de sete anos e quen se está beneficiando de non aboar estes importes.