O Goberno local sostén que Oleiros nunca conseguirá puntuación en expedientes elaborados por árbitros políticos que deciden a toma de resolucións de forma completamente arbitraria.
Oleiros, 17 de novembro de 2010-. O Goberno local de Oleiros denuncia a política usurpadora que está levando a cabo o Goberno da Xunta cos fondos que lle corresponden ao Concello a través dos distintos programas de financiamento europeo. Os devanditos fondos estanse denegando de forma continua e a dita decisión conta co beneplácito e visto e prace do comisario político, Diego Calvo, actual delegado territorial da Xunta na Coruña.
O goberno local reitera este posicionamento tras as afirmacións da Consellería de Medio Rural nas que se asegura que o Concello de Oleiros non obtivo a puntuación necesaria para recibir financiamento europeo para a limpeza da rede de camiños do parque natural de Dexo-Serantes, incluído na Rede Natura 2000 e catalogado polo Goberno da Xunta como Monumento Natural xunto a outras catro paraxes galegas. Tal e como está regulado pola Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza que define os espazos protexidos e que os acouta «a aquelas zonas que conteñen elementos ou sistemas naturais de particular valor, interese ou singularidade, tanto aqueles debidos á acción e evolución da natureza como aos derivados da actividade humana, e que fosen declarados como tales».
O Goberno local sostén que Oleiros nunca conseguirá puntuación en expedientes elaborados por árbitros políticos que deciden a toma de resolucións de forma completamente arbitraria, saltándose as regras de xogo e outorgando a vitoria ao equipo de casa aínda que o equipo contrario gañe por goleada.
O Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) ten como obxectivos principais aumentar a competitividade da agricultura e a silvicultura mediante a axuda á reestruturación, ao desenvolvemento e á innovación; mellorar o medio ambiente e o medio rural mediante axudas á xestión das terras e mellorar a calidade de vida nas zonas rurais e fomentar a diversificación da actividade económica. Deste xeito, o Concello non entende como Oleiros se pode quedar fóra da obtención de axudas para os municipios incluídos na Rede Natura 2000, da que se benefician este ano 123 localidades cun importe de máis de dous millóns de euros, cando esta rede está composta en Galicia por 59 lugares de interese comunitario, 14 zonas de especial protección das aves (ZAPAS), 5 monumentos naturais, 5 humidais protexidos, 6 parques naturais e un parque nacional marítimo terrestre.