Oleiros, 5 de febreiro de 2014-. O Concello de Oleiros, a través do seu departamento de Deportes, está a por en marcha desde hai varios cursos un completo programa municipal de dinamización dos xogos populares. Esta iniciativa está a ser un éxito entre a comunidade escolar, xa que supón un gran divertimento para os escolares. No Programa de dinamización de xogos populares, que conta cunha asignación orzamentaria de 5.000 euros anuais, participan máis de 1.200 rapaces do concello.
O grande interese do Concello de Oleiros en que non esmorezan os xogos populares e tradicionais levouno a programar estas unidades didácticas onde os nosos mozos e mozas coñecen os xogos que de sempre practicaron os nosos avós. Nesta actividade os mozos e mozas xogan á ra, á chave, aos bolos, aos zancos, á billarda, ao peón ou buxaina entre outras disciplinas tradicionais.