Hemeroteca

Asset Publisher

Back Oleiros considera clave o apoio ás familias para minimizar o impacto da demencia

Oleiros, 9 de novembro de 2011-. A Concellaría de Servizos Sociais do Concello de Oleiros considera clave o traballo de apoio ás familias das persoas afectadas pola demencia para minimizar o impacto desta enfermidade. Con este obxectivo nace o programa municipal Convivir coa demencia que se está levando a  cabo ao longo deste mes e que é a continuidade a unha liña de traballo que este departamento desenvolve desde o 2009.

Como conclusión xeral á mesa redonda que tivo lugar onte, destacouse a importancia do apoio e o asesoramento integral en todos os ámbitos: sanitario, social, psicolóxico, xurídico, etcétera ás persoas coidadoras dos enfermos ou enfermas de demencia no municipio.

Na mesa redonda participou o doutor José Marey López, neurólogo adscrito ao Servizo de Neuroloxía do CHUAC que leva a unidade de Alzheimer e outros trastornos cognitivos onde ao ano se valoran por primeira vez preto de 600 persoas. O doutor Marey explicou ao público congregado as características da enfermidade e os novos criterios de investigación para o diagnóstico da enfermidade que supuxeron un primeiro paso e un avance significativo para clasificar os pacientes cando presentan unha sintomatoloxía moi leve e aínda non se instaurou unha demencia.
 
Posteriormente, o psicólogo Juan Bonome, profesional da asociación AFACO e dos talleres Descubrindo e Coidando Emocións, do Concello de Oleiros, falou do que ocorre na familia cando se dá a presenza dunha demencia, o que provoca nos familiares a perda lenta e progresiva dun ser querido. A presenza dunha demencia no contorno familiar provoca importantes alteracións na persoa coidadora que debe recibir apoio para poder adaptarse a esta situación.

Ademais unha veciña do municipio, expuxo a súa experiencia como filla dunha enferma de alzheimer. Explicou ao público como vive día a día a enfermidade da súa nai. A última intervención da tarde foi a cargo de Carmen Martínez Pulleiro, presidenta da asociación AFACO, quen destacou que esta enfermidade é a que maior impacto socio-sanitario ten na sociedade. En España máis de 800.000 persoas padecen esta patoloxía. E explicou os recursos dos que dispón esta asociación que leva funcionando desde o ano 1995.


No tempo de coloquio o numeroso público participou activamente con numerosas intervencións que reclamaban información sobre como debe actuar a familia ante os cambios de comportamento das persoas enfermas, así mesmo interesáronse entre outras cousas por coñecer os novos avances no tratamento da enfermidade, as causas que a provocan e a relación xenética.
 

back link