Oleiros, 1 de febreiro de 2012-. O Concello de Oleiros, a través do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) e o CEIP Isidro Parga Pondal, conmemorará mañá o Día Mundial dos Humidais cun acto que comezará ás 10.00 horas da mañá e que consistirá na naturalización dunha charca nos xardíns do Castelo de Santa Cruz de Oleiros.
Durante o acto as alumnas e alumnos do centro escolar oleirense, acompañados dos seus profesores e profesoras, desprazaranse ata o Castelo de Santa Cruz, sede do CEIDA, para participar nos primeiros traballos deste singular proxecto que pretende naturalizar un estanque localizado nos xardíns das instalacións. Os rapaces e rapazas nesta ocasión terán a oportunidade de colocar coas súas propias mans diversas plantas acuáticas que serán a primeira fase dun proceso que por etapas logrará recrear unha charca natural que se irá paulatinamente colonizando polos diferentes invertebrados e anfibios, naturais poboadores deste tipo de espazos. Ademais, os escolares participantes recibirán información e orientación dos educadores ambientais do CEIDA que acompañarán o alumnado durante todo o proxecto.
Esta actividade ten por obxectivo que os mozos e mozas poidan comprender o valor especial que posúen este tipo de ecosistemas, os humidais, que son un dos máis produtivos do planeta e que brindan importantes beneficios económicos e sociais para a humanidade, especialmente os que están no litoral. Así, entre outras moitas cousas, contribúen a mitigar as secas, recargan acuíferos, manteñen microclimas, reducen a erosión costeira, son áreas de cría de peixes e mariscos e son un vital reservorio de biodiversidade.
O 2 de febreiro de cada ano é o Día Mundial dos Humidais e con el se conmemora a data na que se adoptou a Convención RAMSAR sobre os Humedais, en 1971. Desde aquela, todos os anos organismos oficiais e organizacións non gobernamentais aproveitan esta oportunidade para realizar actividades encamiñadas a aumentar a sensibilización pública sobre os valores dos humidais e os beneficios que reportan. Hoxe en día xa son 1.994 os humidais protexidos polo convenio en 160 países, dos cales 5 están en Galicia.