Oleiros, 19 de xullo de 2012-. A Concellería de Servizos Sociais do Concello de Oleiros está a colaborar coa Cruz Vermella na información e difusión do programa de familias acolledoras. O obxectivo é atopar familias voluntarias que acollan temporalmente no seu fogar a nenos, nenas e adolescentes daquelas familias que están a pasar por unha situación de crise temporal que lles impide atender axeitadamente os seus fillos e fillas.
Isto permite que os menores permanezan nun contorno familiar mentres dura esa situación de crise e evita a súa institucionalización en centros. Este programa vén desenvolvéndose desde o ano 1995 e por el xa pasaron máis de 750 menores grazas á solidariedade de 300 familias, quen, en todo momento, reciben o apoio dun equipo técnico especializado.
No Concello de Oleiros son xa varias as familias voluntarias que participan neste programa e que amosan, unha vez máis, o extraordinario carácter solidario da poboación oleirense.